Sunday 19 de May de 2024

Preséntase a nova comisión para as festas patronais de Ordes


Constituída como Asociación Cultural e de Festexos da Vila da Ordes celebrará actos e eventos ao longo de todo o ano para obter fondos. No acto que tivo lugar onte na casa da cultura presentáronse as contas do último ano

A recentemente estreada comisión de festas de Ordes fixo a súa presentación pública á veciñanza, nun acto convocado no auditorio da casa da cultura. Baixo o nome de Asociación Cultural e de Festexos da Vila da Ordes teñen previsto “desenvolver distintos actos e realizar actividades positivas para o tecido comercial e hostaleiro da zona, que aviven o casco urbano de Ordes”. Tamén se teñen pensadas xa “actividades variadas que contribúan a recadar cartos destinados a sufragar as festas patronais”. O cadro directivo está composto por José Manuel Mira, presidente; Isabel García, tesoureira; José Antonio Sanjurjo, secretario e un total de seis vogais.

A dita asociación persegue a implicación da xente tanto con novas incorporacións, para achegar nova ideas ou na consolidación dunha rede de voluntariado que axude a sacar adiante os eventos. “Trátase de conseguir cartos ao longo de todo o ano para poder facer unha programación propia en condicións e de calidade. Queremos definir que tipo de festas queremos para o pobo de Ordes”, asegúrase.
Entre as próximas celebracións figuran un magosto de cara ao vindeiro 5 de novembro ou a instalación dun carrusel na Alameda para a rapazada durante o Nadal. Tamén está xa á disposición de quen queira lotería de Nadal, a cal se pode adquirir nos seguintes establecementos: Tintorería Anduriña, Café Bar Saloon, Alexandra Maneiro Peluquería, Rama Peluquero, Café Bar Panadería O Forno, Carpintería Sanjurjo, Librería O Paraíso, A Barrica, Abacco.

Balance
Co fin de ofrecer á poboación a maior transparencia na xuntanza de onte tamén se detallaron as contas relativas ás festas deste ano 2016, cuxos gastos totais ascenderon a 100.990 €. Os gastos asumidos pola nova asociación ascenden a 36.723 €, os do Concello a 53.502,50 € e por parte da Deputación da Coruña 10.764,50 €. No que se refire ao total dos ingresos acadados a cifra sitúase nos 43.334 €. Unha cantidade que analizada se divide do seguinte xeito: Empresas 11.425 €, achegas veciñais 11.143 €, comercios e negocios 9.759 €, hostalaría 6.750 € e atraccións 4.307 €.

Finalmente as contas reflicten un remanente a favor da asociación de 6.661 €, que segundo informaron “irán destinados á posta en marcha de diversos proxectos ao longo do curso 2016-17.

A próxima xuntanza está posta para o vindeiro 21 de novembro ás 20.30 horas, tamén na casa da cultura. Nesta ocasión está especialmente dirixida ao colectivo de hostaleiros de Ordes, a quen se lles brindará a oportunidade de expoñer as súas ideas e achegas para mellorar os días de celebración. Ademais xa se pode visitar o novo blog da comisión a través do enlace www.festexosordes.com, onde se dá conta de todas as novidades e noticias relacionadas.

Entre as persoas asistentes ao acto de onte non faltou o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, quen avanzou que “o Concello seguirá co seu compromiso de apoiar as festas patronais cunha achega económica mediante asignación nominativa á asociación”, que este ano situouse nos 39.833 €